terça-feira, julho 31, 2007

Xosé Manuel Beiras Torrado


Xosé Manuel Beiras, presidente da Fundación Galiza Sempre, é colaborador do Congreso, participando no diálogo "O mundo lusófono na globalización".

Nace en Santiago de Compostela en 1936. Licenciado en Dereito e Economía comeza o seu labor docente nos anos 60 na Facultade de Dereito da Universidade de Madrid, para logo trasladarse á Universidade de Santiago, onde dende 1970 é Catedrático de Estrutura Económica na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.


Membro fundador do Partido Socialista Galego na clandestinidade (1963), participa activamente no proceso de constitución do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na primavera de 1982, formando parte desde entón dos seus órgaos de dirección. Na actualidade é Secretario de Alternativas Programáticas da Executiva Nacional do BNG.

Foi candidato á Presidencia da Xunta entre 1985 e 2001, Portavoz Nacional do BNG até novembro de 2003 e deputado no Parlamento de Galiza entre 1985 e 2005. O seu liderazgo contribuíu á unión do nacionalismo e ao seu despegue político e social até convertirse en segunda forza política galega. Impulsor da Declaración de Barcelona é unha das personalidades políticas galegas máis recoñecidas no exterior e figura clave no nacionalismo contemporáneo. Desde 1999 preside a Fundación Galiza Sempre.

No seu traballo de investigación e ensaístico destacan títulos como O atraso económico de Galicia, A Galicia rural na encrucillada, Por unha Galicia liberada, Prosas de combate e maldicer ou O estado da nación.

Nenhum comentário: