terça-feira, setembro 17, 2013

PABLO MEIRA COMENTA

PABLO MEIRA COMENTA





Aínda polo Brasil compre facer algunha reflexión sobre a miña experiencia no II Congreso de Educación Ambiental dos Países Lusófonos (Cuiabá, 9 ao 11 de setembro):

a) Vista a proximidade temporal co 7º Congreso Mundial de Educación Ambiental celebrado en Marrakech hai tres meses, un non pode máis que rememorar a E.F. Schumacher cando afirma que o “pequeno é fermoso”. En Cuiabá non había reis ninprincesas reais –a min en Marrocos parecéronme bastante irreais-, polo menos que saibamos, porque resulta difícil crer que non houbera, cando menos, unha pinga de sangue azul na mixtura de razas, culturas e procedencias lusófonas que converxeron no Mato Grosso. 

b) Para min quedou en evidencia que o mundo lusófono da EA ten unha forte identidade común, marcada por compartir un mesmo espazo lingüístico pero tamén pola concepción da EA como movemento socialmente crítico e transformador, no que os valores e as aspiracións ligados á sustentabilidade non poden ser segregados dos valores e aspiracións ligados á equidade e á xustiza social. Iso non foi o que, por exemplo, percibimos en Marrakech, onde se nos veu a dicir que tiñamos que facer EA para a “economía verde”, sexa o que tal cousa sexa.

c) Apreciáronse tamén signos de refluxo no campo da EA. Despois dunha década de expansión máis ou menos dinámica parece que entramos, por razóns non sempre evidentes e non sempre comúns, nun tempo no que as políticas públicas de EA, os recursos dispoñibles, o dinamismo dos axentes educadores, etc. están en crise, cando non en franca recensión (ou depresión). Nos casos de Portugal e Galiza esta depresión ten moito que ver coa “crise fiscal”, que non só implica “recortes” económicos senón –e principalmente- está sendo pretexto para unha involución ideolóxica profunda que destrúe os limitados avances acadados na década anterior. No caso do Brasil enxérganse conflitos no territorio sempre controvertido das relacións entre os movementos sociais e o(s) aparato(s) do Estado. A un non lle gustaría que as políticas desenvolvidas pola “esquerda tradicional” na Europa, lideradas pola infausta figura de Tony Blair, que levaron dende unha socialdemocracia máis ou menos vixiante dos excesos do mercado a unha especie de “socialdemocracia de mercado” (ou rendida ao mercado), se reproduciran neste lado do Atlántico. Só hai que ver o estado de descomposición dos partidos socialistas europeos que seguiron esta vía para entender que, cedo ou tarde, un partido de esquerdas que fai políticas de dereitas acaba por erosionar as bases sociais que o sustentan e que, eventualmente, o permitiron acceder ao poder no xogo da democracia representativa. Algunhas tensións evidentes na sociedade española ou portuguesa, e nos últimos meses na mesma sociedade brasileña son, por dicilo metaforicamente, avisos para navegantes. 

d) Creo, a este respecto, que o papel do Estado de das políticas públicas no desenvolvemento da EA, con particularidades continentais e con distintas conxunturas, foi un dos elementos centrais, explícito ou implícito, da maior parte das exposicións sobre o estado da arte da EA nos países lusófonos. Resultou evidente, por exemplo, a dificultade para situar a EA no cerne das políticas públicas ambientais ou educativas, a pesar do teimudos que son a este respecto os foros e os documentos nacionais e internacionais.

e) Resulta cada vez máis evidente que hai unha brecha, probablemente dende Río 92, que separa dúas visións substancialmente distintas do que é e do que debe ser a EA, asociadas, obviamente, a distintas concepcións da sociedade e do seu desenvolvemento. Polo menos pareceu claro que o “desenvolvemento sostible”, ate agora, e a “economía verde”, a nova “marca” que promociona a ONU para a EA, non son máis que reclamos deseñados para desviar a atención do fundamental: a construción democrática dun mundo sustentable que satisfaga as necesidades de todos e todas e que respecte a dignidade e a identidade de todos e todas. Visto o visto en lugares como Marrakech non sería de estrañar que alguén propuxese disolver a EA no campo do marketing (ambiental e sostenible, claro)

f) Un apuntamento final: é de xustiza agradecer a acollida dispensada polas persoas vinculadas á Universidade Federal do Mato Grosso, que organizaron o Congreso contra ventos e mareas, e que fixeron “grande” o que, acaso por pequeno, foi moi fermoso. Vémonos, espero, no III Congreso a celebrar de aquí a dous anos en Torreira (Murtosa-Portugal).

Pablo Meira
16/09/2013

*

Nenhum comentário: